Sobre min

Artesanía Imavi

Son Iria Pigueiras, vivo nun entorno rural da Terra Chá moi preto de Vilalba (Lugo), e dende aquí, neste espazo que brinda tantas oportunidades para a creatividade, tranquilidade e inspiración, dou vida a “Imavi”, que xunto có violín, son as dúas paixóns que me fan máis feliz.

“IMAxínao e VÍveo”

O camiño comezou fai moitos anos, cando para min era un xogo experimentar con todos os materiais que dispoñía ao meu alcance para crear formas, cores e texturas.
Aprendía sen sabelo técnicas con diferentes materiais que miña nai empregaba para as súas pezas.
E sigo xogando, deixándome levar, agora con máis coñecementos, para poder plasmar a miña visión do que me rodea ou dando forma ao que imaxino.
Despaciño e con moita ilusión, ese camiño que sempre notei necesario para realizarme, foi convertíndose no que hoxe é “Imavi” : un proxecto de complementos artesanais, principalmente bixutería.
Os materiais e técnicas empregadas van sempre predeterminadas polo deseño inicial e pola procura do resultado final, que comprenden o modelado de arxila polimérica, prensado de flores secas, elaboración de ilustracións…que se combinan co prata, teas, coiro, metais, rochas semipreciosas, cunchas, distintos tipos de pinturas, liño, algodón, madeira…
Agora, se queres, ti podes formar parte deste camiño, porque nada tería sentido se non fose capaz de facerche chegar ao menos unha parte do que eu sinto ao imaxinar, crear e ver os resultados das pezas para que sigan transformándose despois coa túa propia visión delas.
Gracias por achegarte!